jueves, 27 de enero de 2022

Aniversario de Wangari Maathai, a muller que dá nome á nosa charca escolar





Con motivo da celebración do Día da Paz do vindeiro 30 de xaneiro, queremos recordar á muller que dá nome a nosa charca escolar, e que fai neste mes de xaneiro o seu décimo aniversario. 

Como moitas de vós sabedes, a muller en cuestión é Wangari Maathai, a primeira muller africana (Kenia) en recibir o Premio Nobel da Paz no ano 2004, por ter contribuido durante anos ao desenvolvemento sostíbel, á democracia e á paz.

Tedes información sobre ela nesta ligazón da Wikipedia. https://es.wikipedia.org/wiki/Wangari_Maathai

Estamos polo tanto nunha especie de celebración do décimo aniversario dun ecosistema que deu, dá, e esperemos siga dando, tantos bos momentos para a aprendizaxe e desfrute do noso alumnado. Un recurso que temos preto e ao que podemos acudir calquera mañá, a calquera hora e en calquera estación do ano.

Alí pódense pór en práctica, de maneira significativa, moitas das aprendizaxes que teñen lugar na aula. Pero non só no eido das ciencias naturais, senón tamén nas linguas (todas as que se usan e aprenden no cole), as mates, a expresión plástica, as ciencieas sociais… Dá moito de si. No inverno, hai días en que podemos atoparnos cunha fina capa de xeo que a cubre toda (ocasión excelente para un repaso sobre os estados da auga, por exemplo); na primavera, cos nenúfares en flor, as espadanas e os xuncos, rebosa de colorido e vida, e coa súa particular fauna: os cabaliños do demo, as carpas, ras e, ata non hai moito, sapoconchos e mesmo garzas, entre outras aves que gustaban e gustan de achegarse a este recanto fresco e cheo de vida. Tamén, hai tempo, unha morea de variados insectos acuáticos (zapateiros, escribanos da auga, ditiscos).

Un ecosistema delicado que, na actualidade atópase algo mermado e á espera dunha imprescindíbel limpeza e rexeneración que esperemos a volva deixar como nos seus mellores tempos, chea da biodiversidade que se merece.
Ademais, a súa contorna goza dunha boa variedade de arbustos e árbores de portes fermosas e nomes suxestivos, sen esquecer as aromáticas, que se atopan ben preto.

Pois iso, a nosa particular Wangari Maathai é tamén merecedora da súa propia celebración: Os seus primeiros 10 anos! 
Adxuntámosvos un pequeno texto en pdf (premede na ligazón) para unha lectura colectiva na pantalla dixital co voso alumnado, apto para todos os niveis, con bonitas imaxes, que nos conta, dun xeito sinxelo e ameno, a vida desta excepcional muller (na última páxina do pdf inclúense unhas cantas ligazóns para quen queira ampliar a información).


A desfrutar en PAZ!




No hay comentarios:

Publicar un comentario